Director da Charanga Tradicional
É o director da charanga do Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés.
Con 8 anos comeza os seus estudos musicais na especialidade de saxofón na Escola de Música Municipal de Tui, realizando posteriormente os estudos profesionais, tanto de saxofón como de gaita, no CMUS Profesional de Tui. Actualmente continúa a completar a súa traxectoria musical realizando os estudos superiores de Instrumentos da Música Popular e Tradicional no CMUS Superior de Vigo.
No ámbito da música popular e tradicional, a súa formación vai desde a percusión tradicional e o canto, ata a gaita de fol. Posúe a diplomatura como construtor artesán de instrumentos musicais tradicionais (gaita) da Escola de Artes e Oficios do Concello de Vigo.
Foi compoñente da Banda de Música Popular de Tui, da Banda de Música de Salvaterra de Miño e de Moxenas Musical Galego. Tamén exerceu de director musical da Rondalla de Pontellas (O Porriño) coa que acadou numerosos primeiros premios nos concursos organizados na comarca de Vigo.
A súa andaina na Asociación Cultural Traspés comeza no ano 2012 como membro do grupo de pandereteiros e da charanga; no ano 2013 comeza a impartir aulas de saxofón, gaita e percusión na escola da entidade; e no 2021 é nomeado director da charanga tradicional.
Na actualidade é mestre de música no H.C. San Rafael (Vigo), e imparte aulas de gaita, percusión e canto tradicional en escolas de música e asociacións culturais das comarcas de Vigo, O Condado e O Baixo Miño. Forma parte do cuarteto tradicional Bordón Grellado co que acumula varios premios entre os que cabe destacar o 1º Premio no prestixioso Concurso de Gaitas do País (Ponteareas).