Saltar ao contido

Espectáculos e Mostras Etnográficas

Unha das principais metas que o equipo directivo da Asociación Cultural Traspés se marcou desde un principio, foi a da creación de espectáculos encamiñados á promoción e divulgación da nosa cultura e folclore popular.

Neste sentido, Traspés aporta un xeito diferente de facer, dá un novo punto de vista ao tradicional, coa intención de promover actitudes sociais que encamiñen á valoración do patrimonio artístico e potenciar as que contribúan ao seu estudio e coñecemento, axudando a espertar o interese polas nosas tradicións.

O principal obxectivo dos nosos espectáculos non é máis que o de entreter, espertando, do mesmo xeito, todo tipo de sentimentos de nostalxia, ledicia, tristeza…

Así na posta en escena, e grazas á información debidamente contrastada acerca da indumentaria, xoiería, bailes, músicas, cantares, instrumentacións, etc. podemos ver e sentir momentos da forma de vida dunha época e lugar determinados, facendo posible unha fotografía en vivo de tempos pasados.

· De Serán en Romaría

I Espectáculo de Música e Baile Tradicional Traspés


“Este espectáculo achega ao público pinceladas do noso patrimonio inmaterial (en moitos casos xa esquecido da vida cotiá dos galegos e galegas), dando vida a usos, costumes e traballos que noutro tempo adoitaban rematar dunha maneira festiva. Traspés traslada ao público a case un século atrás a través dos relatos, ou memorias, dunha persoa maior que fai de fío conductor a través dunha retroproxección e nos encamiñará polas súas vivencias ao longo dos seus tempos mozos. Todo isto acompañado de material audiovisual, que axuda a dar este salto no tempo sen dificultade, e así, espertar no espectador todo tipo de sensacións (nostalxia, ledicia, morriña… quizais nos maiores) e abrir unha nova fiestra ao público máis novo, posuidor dun xeito de vida totalmente afastado do que se pretende amosar”.

Representacións:

· 07 de maio de 2011 no Auditorio do C.S.C.R. de Beade (Vigo).
· 19 de agosto de 2012 no Pavillón “Santa Uxía” de Coroso (Riveira).
· 25 de novembro de 2012 no Auditorio “Mar de Vigo” (Vigo).

Documentos:



· deRaíz

I Mostra de Música e Baile Tradicional Traspés


“DeRaíz é a ferramenta a través da cal o grupo artístico da Asociación Cultural Traspés quere achegar ao público parte do traballo desenvolto polos seus integrantes ao longo destes anos. Desde Traspés tentamos amosar parte do patrimonio inmaterial de Galicia, sendo rigorosos cos traballos de campo realizados, e tratando de que a comunicación co público sexa directa, doada e lúdica.
Esta I Mostra é o resultado do traballo do corpo de baile, pandereteiras, pandereteiros e charanga ao longo do ano 2013. Con ela faremos posible unha viaxe virtual por toda a xeografía galega, de norte a sur e de leste a oeste. Escoitaremos músicas das catro provincias e coñeceremos características dos seus bailes, ritmos, xeitos de tocar e cantar, etc.”.

Representacións:

· 30 de novembro de 2013 no Auditorio do Teatro-Cine Salesianos (Vigo).
· 29 de agosto de 2014 na Praza da Casa da Torre (Redondela).

Documentos:



· O Carme

I Espectáculo de Música e Baile Tradicional Traspés & Xarabal


“O fío condutor deste Espectáculo Traspés & Xarabal é unha viaxe no tempo. Un día de Festa Maior. En tódalas parroquias de Galicia realizábanse e realízanse festexos arredor dunha data, o día da Patroa. Nós escollemos unha das festas patronais máis comúns da nosa xeografía galega, unha terra cunha importante vinculación ao mar: “O Carme”. Condensamos en apenas dúas horas de espectáculo, un día completo de celebracións, desde a alborada madrugadora, ata a verbena máis trasnoitadora. Están presentes no espectáculo músicas e bailes das catro provincias, melodías e cantos populares, en definitiva, o repertorio máis representativo da nosa música tradicional”.

Representacións:

· 18 de abril de 2015 no Auditorio do Teatro-Cine Salesianos (Vigo).

Documentos:



· Traspés de Varanda

II Mostra de Música e Baile Tradicional Traspés


Ir “de Varanda”, é dicir, ir de troula ou festa, é o termo que dá nome a esta II Mostra de Música e Baile Tradicional, onde Traspés interpretará foliadas, polavilas, seráns, pandeiretadas, pandeiradas, rondas, ruadas, fiadas, etc., termos todos eles que denominan xeitos de entender a festa e a troula noutros tempos xa pasados, pero afortunadamente, non esquecidos polos informantes.

Representacións:

· 24 de abril de 2015 no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo.
· 10 de agosto de 2015 nas Festas da “Virxe do Camiño” de Rebordáns (Tui).
· 29 de agosto de 2015 no XVIII Festival Tromentelo, na Praza de Ojea (Cangas do Morrazo).
· 20 de setembro de 2015 na Praza de Mondariz.
· 25 de outubro de 2015 no Auditorio da A.VV. “Santa Mariña” de Cabral (Vigo).
· 08 de novembro de 2015 nos Xardíns Urbano Lugrís – As Lagoas (Bueu).

Documentos:



· Pontevedra

II Espectáculo de Música e Baile Tradicional Traspés


“Neste espectáculo centramos o foco na provincia de Pontevedra. Son moitos os concellos, as parroquias ou os lugares que contan con informantes que lembran con moito detalle como facían aquelas festas, como soaban aquelas gaitas e pandeiretas. As músicas, os bailes, os cantares, as historias de Pontevedra, engárzanse neste espectáculo a modo dos de Varietés de principios do século XX, para achegar ao público sensacións evocadoras da cultura popular desta parte sur de Galicia.
Todo isto da man dunha contacontos, nove voces femininas, nove voces masculinas, unha charanga tradicional (dous clarinetes, saxo alto, saxo tenor, dúas gaitas, acordeón diatónico, caixa, bombo con pratos e pandeireta) e oito parellas mixtas de baile.
Herdeiros pois daquelas fontes teatrais denominadas opereta, ópera cómica ou comedia musical, Donas e Cabaleiros, pasen e vexan, escoiten, sintan. Traspés presenta PONTEVEDRA”.

Representacións:

· 25 de xuño de 2017 no Teatro Afundación (Vigo).

Documentos:



· Camiños

III Mostra de Música e Baile Tradicional Traspés

“Por medio de relatos e vivencias dun peregrino francés, percorreremos diferentes camiños a Compostela amosando o folclore e a riqueza etnográfica de distintos puntos xeográficos polos que transcorren. Deste xeito, o público, poderá visualizar e escoitar bailes e músicas existentes no Camiño Portugués, a ruta Mariana, o Camiño Francés, o do Norte, o do Sudeste ou Vía da Prata, o Camiño Inglés ou o de Fisterra”.

Representacións:

· 25 de xullo de 2021 no Parque de Castrelos (Vigo).