Ola amigos da cultura popular,
Este mes estamos de estreas, outra cita ineludible será este venres día 24 de abril, ás 20:30 h., no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo, dentro da programación da LV Festa da Lamprea, onde Traspés presenta a súa II Mostra de Música e Baile Tradicional.
“Traspés de Varanda”, é a II mostra de música e baile tradicional levada a cabo pola A.C. Traspés da man da Deputación de Pontevedra. De 90 minutos de duración aproximada, achega ao público pinceladas do noso patrimonio inmaterial (en moitos casos xa esquecido da vida cotiá dos galegos e galegas), dando vida a usos e costumes que noutro tempo adoitaban rematar dunha maneira festiva. Traspés tenta recrear aqueles momentos, espertar no público todo tipo de sensacións (nostalxia, ledicia, morriña… quizais nos maiores) e abrir unha nova fiestra ao público máis novo, posuidor dun xeito de vida totalmente afastado do que se pretende amosar.
Esta II Mostra é o resultado do traballo do corpo de baile, pandereteiras, pandereteiros e charanga ao longo dos anos 2014-2015. Con ela faremos posible unha viaxe virtual por toda a xeografía galega, de norte a sur e de leste a oeste. Escoitaremos músicas das catro provincias e coñeceremos características dos seus bailes, ritmos, xeitos de tocar e cantar, etc.
Ir “De Varanda”, é dicir, ir de troula ou festa, é o termo que dá nome a esta II mostra de música e baile tradicional, onde Traspés interpretará Foliadas, Polavilas, Seráns, Pandeiretadas, Rondas, Ruadas, Fiadas, etc. termos todos eles que denominan xeitos de entender a festa e a troula noutros tempos xa pasados, pero afortunadamente, non esquecidos polos informantes.